Friday 03 de May de 2024

O Concello de Noia organiza unha nova campaña contra a avespa velutina e convoca unha xuntanza para a entrega de trampas


 

Terá lugar o próximo venres 13 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de plenos noiés

O Concello de Noia vai poñer en marcha unha nova campaña municipal, a terceira consecutiva, para loitar contra a avespa velutina. Por iso convoca unha reunión aberta coa veciñanza o próximo venres 13 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de plenos municipal. “Un encontro no que informaremos sobre como loitar contra esta especie invasora e repartiremos novas trampas e atraíntes para as máis de 300 trampas que levamos repartido neses dous anos”, explica Martín Fernández Godón, concelleiro de Medio Ambiente.

A decisión de iniciar a campaña nestas datas xustifícase en que na primavera é cando as novas raíñas de avespa velutina comezan a conformar os seus niños primarios, polo que é un dos períodos de maior traballo para o control da especie (xunto co final do verán e o comezo do outono, cando os niños que non foran observados acadan xa tamaños considerables). “A avespa asiática é unha especie invasora devoradora de insectos polinizadores, como as abellas, e que causa importantes prexuízos económicos nos sectores apícola e frutícola polo que a colaboración veciñal é fundamental para loitar contra ela. Cada raíña que collamos agora será un niño menos”, apunta o concelleiro.

Durante a charla, que será impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, que explicará os costumes desta especie invasora, como actuar no caso de picada e fará balance da campaña de 2019, na que se repartiron 60 novas trampas que se sumaron ás 250 repartidas en 2018. Unhas trampas modelo “Vespa Catch”, doadas de colocar e reutilizables, cun líquido atraente que será repartido durante a reunión, xunto con novas trampas se a veciñanza así o demanda.